Friday 29 de March de 2024

Feijóo valora os novos contratos de Navantia e ve na diversificación unha “oportunidade” para o naval


Salienta que a enerxía eólica mariña é unha enerxía que está en ascenso; “e se acreditamos e cumprimos ese contrato, con calidade e en prazo, estamos diante dunha oportunidade que se abre para Navantia”, asevera

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe de “boa noticia” os novos contratos de Navantia con Iberdrola e referiuse á diversificación como unha “oportunidade” para o naval galego. “Estamos a falar dunha boa noticia non só desde o punto de vista do emprego senón, tamén, desde o punto de vista da diversificación, polo feito de que Navantia-Fene-Ferrol pode acreditar nos mercados que fai máis cousas que excelentes barcos. A enerxía eólica mariña é unha enerxía que está en ascenso e se acreditamos e cumprimos ese contrato, con calidade e en prazo, estamos diante dunha oportunidade que se abre para Navantia”, aseverou.

Diante desta nova, Feijóo espera que no ano 2015 haxa máis noticias: “Non só de incrementar a carga de traballo; de empezar os barcos contratados como o Buque de Acción Marítima (BAM) para a Mariña española, e de ir concluíndo o flotel, senón que temos que seguir profundando na diversificación, en facer máis cousas como grandes estruturas. Incrementar o valor engadido que pode dar Navancia e, así, incrementar os postos de traballo porque Ferrol é, sen dúbida, o lugar con máis desemprego de Galicia e, polo tanto, é un lugar onde especialmente nos temos que aplicar”, dixo.

O presidente da Xunta confía en reunirse, no mes de xaneiro, co presidente de Iberdrola para analizar o contido e alcance deste novo contrato, así como valorar outras posibilidades que se poden abrir nesta multinacional eléctrica española noutros lugares do mundo.